Wednesday 08 de May de 2024

A Xunta licita as obras de acondicionamento do Punto de Encontro Familiar da Coruña, que contarán cun investimento de preto de 540.000 euros


Os traballos, que terán un prazo de execución de seis meses, permitirán trasladar o servizo do Edificio A do complexo do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) da Coruña, ao Edificio F, para contar con mellores instalacións

A Xunta sacou a licitación as obras para o acondicionamento do Punto de Encontro Familiar (PEF) da Coruña, que contarán cun investimento de preto de 540.000 euros. Esta reforma permitirá o traslado do actual emprazamento, no Edificio A do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) da Coruña, ao Edificio F do mesmo complexo.

Así, as obras, que terán un prazo de execución de seis meses, consistirán en acondicionar unha parte da planta baixa deste novo edificio para garantir a súa independencia co resto da instalación e crear dúas áreas: unha de administración e outra de encontro familiar. Este procedemento determina os requisitos técnicos que terán que reunir as empresas interesadas, que deberán presentar a súa solicitude para facerse cargo dos traballos.

A Xunta está ampliando e mellorando a rede de Puntos de Encontro Familiar que hai en Galicia e que permiten garantir o cumprimento do réxime de visitas establecido xudicialmente en condicións de seguridade para todos os menores. Ademais desta mellora no da Coruña, este mesmo ano entrou en funcionamento o oitavo PEF, en Ribeira, que dá servizo á comarca do Barbanza.